A Policía Local realizará unha campaña de control de drogas e alcol na semana de ceas de empresa
Por Redacción
A Policía Local de Pontevedra inicia este luns 11 unha campaña especial de control da taxa de alcol e de presenza de drogas en condutores. Esta campaña prolongaranse ata o 17 de decembro, coincidindo cos días en que se celebran a maioría das tradicionais ceas de empresa.
Estes controis realízanse en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico sempre nestas datas próximas ás festas do Nadal. As autoridades alertan de que o alcol se atopa presente como factor concorrente ou desencadenamento dun terzo dos accidentes mortais. A súa presenza durante a condución chega a multiplicar entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. E ademais está relacionado cun maior índice de mortalidade.
A estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 establece como un dos indicadores baixar do 1% os positivos de alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.
A Policía Local lembra que cunha taxa de 0,3 a 0,5 o risco de sufrir un accidente multiplícase por dous xa que os condutores experimentan unha excitación emocional, diminución da agudeza mental e da capacidade de xuízo. De 0,5 a 0,8, a reaacción xeral resulta máis lenta e altéranse os reflexos con sensación de euforia e de agresividade ao volante. Neste caso o risco de accidentabilidade multiplícase por cinco.
De 0,8 a 1,5 g/ l. os reflexos atópase moi perturbados e pérdese o control dos movementos con problemas series de coordinación e dificultades de concentración da vista. O risco multiplícase por 9. En taxas de 1,5 a 2,5 g/ l., o risco de accidente xa se multiplica por 15.
O límite xeral en sangue atópase en 0,5 gr mentres que en aire aspirado é de 0,25 mg/ l. Para profesionais e noveis, estes límites redúcense a 0,3 gr. e 0,15 mg/ l.
As sancións por positivo van desde os 500 euros e retirada de catro puntos ata a prisión de seis meses a un ano e privación do dereito para conducir dun a catro anos por negarse a realizar o test de drogas.
Segundo a DXT, dous de cada tres delitos cometidos contra a seguridade viaria están relacionados co alcol.