As palmeiras da Praza de España, afectadas polo picudo vermello
Por Redacción
Os traballos previos que está a impulsar o Concello de Ponte Caldelas para redactar o proxecto de humanización da praza de España desvelaron unha mala noticia para a vila. As palmeiras situadas neste ámbito urbano están afectadas pola praga do picudo vermello.
As dúas árbores situadas na illa central da praza terán que ser talladas. Nunha delas está xa moi avanzada a afectación, mentres que a outra xa presenta tamén síntomas evidentes.
Iso non freará, en todo caso, unhas obras que contan cun orzamento total de 382.123 euros, do que un 80% será achegado pola Deputación a través do seu Plan de Reequilibrio Territorial.
As obras, que serán licitadas nas próximas semanas, van supoñer unha transformación moi importante deste espazo, gañándoo para o goce cidadán e liberándoo dos moitos obstáculos que na actualidade fan imposible o seu aproveitamento.
Ao tempo, significarán unha reordenación profunda do aparcamento. Haberá máis prazas e máis espazo para aparcar, pero disposto dun xeito alternativo para que os coches non colapsen a zona que se pretende recuperar.
O alcalde, Andrés Díaz, afirma que a praza de de España e a Alameda son o espazo central de Ponte Caldelas e como tal deben ser configurados, completando así actuacións emprendidas no pasado e que quedaron a medio camiño.
"A praza de España só ten de praza o nome pero, unha vez rematadas estas obras, iso vai cambiar", sinalou.