O Concello advirte á Xunta que o seu proxecto para a EDAR dos Praceres é ilegal
Por Diego Espiño
O anteproxecto para a construción dun novo emisario submarino na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres non cumpre co planeamento urbanístico vixente na zona.
Así o asegurou a concelleira Carme da Silva tras debater a cuestión na Comisión de Urbanismo, despois da consulta realizada pola Xunta de Galicia respecto diso.
En concreto, a construción da instalación de ligazón do devandito emisario estaría situada na zona que ocupaba o campo de fútbol que o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal redactado pola propia Xunta para o asentamento industrial de Lourizán contempla para equipamento docente, sanitario, sociocultultural, deportivo ou oficinas.
"Oh sorpresa, non é compatible co planeamento", sinalou Da Silva antes de asegurar que "non podemos permitir que se execute unha obra incompatible co planeamento, faga quen a faga". Por iso a edil asegurou que de ser necesario pararían as obras baseándose na competencia municipal en materia de disciplina urbanística.
Para non chegar a esa situación, explicou, as opcións pasan por cambiar de lugar a instalación de ligazón do emisario ou por cambiar o propio plan sectorial, de competencia autonómica.
"Estamos falando dun tema moi serio que é o saneamento da ría de Pontevedra", polo que declarou que no goberno local estarán "extremadamente vixiantes para que todo o que se faga repecuta directamente na mellora do saneamento e a depuración da ría de Pontevedra".
O Concello defende neste asunto a construción de emisarios separados para as augas residuais urbanas e as industriais, en lugar da tubaxe única contemplada no anteproxecto da Xunta, coa intención de poder controlar con maior precisión a orixe de posibles verteduras, en alusión directa a empresas como ENCE que actualmente "conecta directamente coa EDAR".
Relacionadas:
-
Augas de Galicia necesitará ampliar a superficie da EDAR de Praceres para "practicamente duplicar a súa capacidade"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
O novo emisario submarino terá máis de 3,5 quilómetros e estará afastado do polígono de bateas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
APDR, preocupada polos plans da Xunta con respecto ao emisario submarino da ría
Por Redacción |
-
No primeiro trimestre de 2017 comezará a redacción do anteproxecto da ampliación da EDAR de Praceres
Por Redacción |