A aldea de Fontán loce o seu novo aspecto
Por Redacción
A rehabilitación integral da histórica aldea de Fontán, en San Xurxo de Sacos, xa está rematada. A empresa EC Casas completou os traballos nos últimos días. Supuxo un investimento de 60.000 euros.
A última fase desta mellora completouse coa reposición e pavimentación de todos os seus viarios, así como o axuste dos rexistros da rede de saneamento.
Deste xeito, o lugar de Fontán afrontou no derradeiro mes a segunda fase do seu plan de rehabilitación integral, que comezou cunhas tarefas de limpeza previas e que consistiu na reposición de todas as súas pistas internas e a dotación dun novo firme en formigón que permite o desenvolvemento da mobilidade en perfectas condicións.
Previamente, procedérase á reconstrución de muros antigos, cunha actuación consistente na reposición e posta en valor de varios peches de pedra tradicional a dobre cara situados a ambas marxes do acceso interior a este lugar, cos que se mellorou a imaxe e funcionalidade desta contorna.
Tratouse, recorda o goberno municipal, dun traballo complexo por tratarse dun treito de máis de 100 metros de lonxitude e polas dimensións das pedras.
Ademais, na entrada a esta pista acondicionárase unha pequena praza en formigón.
Os traballos da primeira fase incluíran tamén a restauración completa da fonte-lavadoiro de Fontán, que estaba recollida no plan de acondicionamento de 14 destas infraestruturas de augas no territorio de Cotobade con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2017.
O espazo quedou completamente rehabilitado e limpo e recuperou a súa estética de antano.