Mosquera recoñece que os debates internos no PSOE causaron "disfuncións" no goberno da Deputación
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, afirmaba na mañá deste mércores que os procesos internos do Partido Socialista chegaron a provocar algunhas disfuncións no goberno da Deputación, porque había integrantes socialistas que estaban máis pendentes destes debates que da actividade diaria na institución provincial.
"Case creou algunha disfunción por estar máis preocupados polos procesos internos que dos aspectos da Deputación", afirmou Mosquera en referencia ás tensións internas nas filas socialistas provinciais. Relacionou este aspecto co feito de que o BNG non interviñese no pleno no que se aprobou o orzamento de 2018 para non entrar en debates que provocarían "barullo" e serían mal interpretados. Con todo, o vicepresidente sinalaba que esas "turbulencias" estaban xa superadas.
César Mosquera fixo balance desta situación recoñecendo que foi unha proba de esforzo e de madurez para que se mantivese o programa establecido por PSOE e BNG, indicando que se mantén un equilibrio sobre os asuntos que se tratan en relación con Vigo e Pontevedra.
En cambio, o portavoz dos nacionalistas indicou que a oposición está "encerellada" en batallas de Vigo e chegou a afirmar que non fan críticas con substancia nin presionan para que o goberno funcione o mellor posible. Acusou aos integrantes do Partido Popular de absentismo e chegou a dicir que a oposición na Deputación "non existe". Tamén quixo referirse ao representante de Marea sinalando que se está aproximando ao PP de maneira sorprendente e entende que se debe a mandatos procedentes doutras comarcas.
Mosquera concluíu que sentía orgulloso de que na Deputación actualmente xa ningún deputado ten capacidade para asignar diñeiro público segundo os seus propios criterios e todo se realiza segundo bases reguladas. "Non existe a posibilidade de que se dean cartos repartindo cheques", indicou o vicepresidente provincial.
Sobre temas de actualidade, Mosquera apuntou que o Plan Revitaliza está a ser un éxito, con 36 concellos adheridos ao sistema de compostaxe. Indicou que o compromiso dos gobernos locais é tratar o 75% dos residuos orgánicos mediante aproveitamentos naturais nos vindeiros catro anos. Acompañado por Eva Vilaverde e por Xosé Leal, o representante nacionalista mostrouse tamén satisfeito pola resolución do conflito histórico no Centro Infantil Príncipe Felipe co peche da Unidade de Primeira Acollida.
Por último, asegurou que sobre a comarcalización dos Parques de Bombeiros, a Xunta non ten vontade "de facer nada", porque non quere investir cartos neste proceso.