Os xulgados de Pontevedra denegaron 19 ordes de protección solicitadas por vítimas de violencia de xénero en 2017
Por Natalia Puga
No partido xudicial de Pontevedra incoáronse entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2017 un total de 28 procedementos relacionados con ordes de protección a vítimas de violencia de xénero, todas elas tramitadas a petición da vítima.
Os datos aparecen recollidos no portal estatístico da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero e sacan á luz que das 28 ordes tramitadas, 9 adoptáronse, pero as outras 19 foron denegadas.
Segundo eses datos, que aínda non están actualizados ao 31 de decembro, todas as ordes solicitadas admitíronse a trámite e ao peche do terceiro trimestre non quedaba ningunha por resolver. Poden tramitarse a instancia da propia vítima, a Fiscalía, a Administración, outras persoas implicadas no proceso ou de oficio pola autoridade xudicial, pero no caso do partido xudicial de Pontevedra todas solicitounas a vítima.
A orde de protección cabe lembrar que é, segundo a lei, unha resolución xudicial que consagra o "estatuto de protección integral" das vítimas de violencia doméstica, mediante a adopción, por un mesmo órgano xurisdicional, de medidas cautelares penais e civís, activando outras medidas de asistencia social.
As estatísticas tamén recollen que no partido xudicial da capital recibíronse un total de 207 denuncias por casos de violencia de xénero, dos que tres os presentou directamente no xulgado a vítima e ningún os seus familiares. O resto chegaron ao xulgado a través de órganos policiais, sanitarios ou asistenciais.
Desas denuncias presentadas nos nove primeiros meses do ano, 178 chegaron a través de atestados policiais, pero tras producirse unha denuncia da vítima e catro pola mesma vía tras a denuncia dun familiar de quen sufriu o episodio de violencia. Outros once casos procederon de atestados policiais por intervención directa da Policía Local, a Policía Nacional ou a Garda Civil.
Ademais, un total de once casos chegaron ao xulgado porque a vítima requiriu asistencia sanitaria e produciuse un parte de lesións que se xudicializou.
Segundo esta mesma fonte estatística, entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2017 no sistema de seguimento integral para vítimas de violencia de xénero contabilizáronse 506 casos sen risco apreciado, 386 con risco baixo e 74 con risco medio. Houbo neses once meses dous casos de risco alto e ningún de risco extremo. Estes datos son relativos a toda a provincia, pois non aparecen debullados por partido xudicial.