Bará pregunta no Parlamento polo expediente aberto tras o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción
O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará, presentou esta semana dúas novas preguntas no rexistro do Parlamento de Galicia para conseguir información sobre o tentadero taurino organizada o domingo 3 de setembro durante unha romaría cabalar de Moraña.
O día 22 de setembro o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia informou, en resposta a unha pregunta parlamentaria do BNG, da apertura dun expediente ao respecto, xa que a Xunta de Galiza non autorizara o citado espectáculo, pero celebrouse igualmente e contou coa colaboración do Concello e coa presenza da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro.
Transcorridos máis de tres meses, o BNG denuncia que as entidades que presentaron o escrito denunciando os feitos non recibiron ningunha información sobre a tramitación administrativa da mesma. Ante esta falta de respostas, Bará interpreta que "resulta evidente que a Xunta de Galiza intenta tapar as irregularidades cometidas pola entidade organizadora e polo Concello de Moraña".
O BNG considera que esta falta de información é un feito grave que "demostraría unha vez máis a complicidade de gobernos do PP" coa organización e promoción de espectáculos taurinos alleos á nosa tradición cultural, que están organizados incumprindo a lei e que contan con axudas e colaboración de administracións públicas.
Nas dúas preguntas rexistradas no Parlamento, o BNG pregunta cal é o estado de tramitación da denuncia presentada en relación co espectáculo taurino e se o goberno autonómico ten previsto sancionar á organización do evento e ao Concello de Moraña. Quere saber, ademais, se a Xunta considera que a tramitación do expediente cumpre a normativa a respecto dos prazos de resolución e información ás partes.
Relacionadas:
-
A Xunta arquiva o expediente sancionador aberto polo 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Cuestionan a "lentitude" coa que se tramita a denuncia contra o 'tentadero' taurino de Moraña
Por Redacción |
-
Luís Bará critica a organización dun "tentadero" en Moraña con apoio da alcaldesa
Por Redacción |
-
Presentan unha denuncia por "irregularidades" do tentadero de Moraña
Por Redacción |
-
Ou tentadero taurino ou axuda da Deputación
Por Redacción |