A Deputación pon a disposición de Vilagarcía investimentos por 2,5 millóns de euros
Por Redacción
O deputado de Cooperación, David Regades, visitou este mércores o Concello de Vilagarcía e confirmou ao alcalde, Alberto Varela "as boas noticias do Plan Concellos" que este ano suporá para a vila 2,5 millóns de euros da Deputación entre os cartos de 2018 e o adianto da liña 1 de 2019 incrementando o orzamento nun 72,06%.
"Estou seguro que con estas achegas o concello vai realizar actuacións referentes que van cambiar a vida das veciñas e veciños de Vilagarcía", declarou Regades.
Amais, o deputado de Cooperación lembrou que "falamos de investimentos que deciden exclusivamente os gobernos dos concellos porque nos cremos absolutamente no respecto á autonomía local".
Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela reclamou á Xunta un plan de inversións similar ao da Deputación "no que os concellos decidamos porque somos os que sabemos as necesidades das nosas vilas".
O deputado e o alcalde tamén confirmaron as obras xa en marcha da esperada escola infantil de Vilaxoán e o inicio dos traballos na Praza de Galicia que arrancan a próxima semana.