Case 400 usuarios fixeron uso do punto limpo de Sanxenxo en 2017
Por Redacción
Un total de 397 usuarios fixeron uso do punto limpo de Sanxenxo en 2017 contribuíndo a "coidar a nosa contorna natural" apunta Juan Deza, concelleiro de medio ambiente.
E é que no último exercicio foron case 7.000 os quilos de residuos depositados nesta planta situada en As Cereixeiras, na parroquia de Padriñán.
A información solicitada apunta que os usuarios deste equipamento municipal entregaron 608 unidades de residuos sólidos e 130 litros de líquido. Destacan como residuos non perigosos os 6.500 quilos de cascallo, os 121 colchóns ou os case 200 electrodomésticos entregados. Como residuos perigosos recolléronse 237 unidades de fluorescentes, 38 quilos de pilas ou os 60 litros de aceite mineral.
Por parroquias destaca Padriñán en primeiro lugar con 171 usuarios, seguida de Adina con 98. A continuación, Nantes con 36 veciños, Noalla 34, Dorrón 26, Vilalonga 17, Bordóns 11 e doutros municipios 4.
"Estamos a falar dunha práctica coherente e responsable, que é a tónica xeral da cidadanía de Sanxenxo, pero que, ás veces, vese relegada a un segundo plano polas accións illadas de persoas que non dubidan en abandonar restos en zonas do rural, sen ter en conta as consecuencias nefastas dos seus actos", destaca o concelleiro da área.
Ademais do punto limpo, o municipio conta cun servizo de aveños porta a porta, realizado por Ascam, a empresa concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria, que complementa o labor do punto limpo.
Para iso, os interesados poden chamar ao teléfono 638.240.885 onde se lles informará da data e hora de retirada nos seus domicilios.
O punto limpo municipal permanece aberto de martes a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, e os sábados de 9.00 a 14.00 horas.