'O Mulo', condenado a oito anos de prisión polo alixo de cocaína que acabou cunha lancha ardendo na Lanzada
Por Redacción
O histórico condutor de planadoras Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como 'O Mulo', deberá cumprir oito anos e medio de prisión polo alixo de cocaína que tentou introducir a través das Rías Baixas no verán de 2008, pero que se frustrou co espectacular incendio dunha das embarcacións usadas na praia da Lanzada e os 3.400 quilos de droga flotando nas rías.
'O Mulo' foi xulgado o pasado verán na Audiencia Provincial de Pontevedra xunto a outros 13 acusados e a Sección Segunda acaba de ditar un sentenza na que finalmente dous deles saen absoltos libremente e ao resto condénaselles polo tráfico de drogas, pero absólvenos polo delito de pertenza a unha organización criminal do que lles acusaba a Fiscalía.
A pena de maior entidade é a de Rafael Bugallo Piñeiro, que confesou durante o xuízo na Audiencia e resultou condenado como autor dun delito contra a saúde pública referido a substancia estupefaciente que causa grave dano á saúde, en cantidade de extrema gravidade e labor mediante a utilización de buque. Atribúenselle as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e confesión, pero, de todos os xeitos, a pena ascende a oito anos e medio de prisión e o pago de dúas multas de 128.000 euros cada unha.
Os acusados José Antonio Búa Padín, Luís Miguel Fajardo Vázquez, Fernando Rafael Prado Rey e José Luis Devesa Devesa resultan condenados a seis anos e nove meses de prisión como autores cada un deles dun delito contra a saúde pública referido a substancia estupefaciente que causa grave dano á saúde, en cantidade de extrema gravidade e labor mediante a utilización de buque. Concorren tamén no seu caso as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e confesión e deben pagar dúas multas de 100.000 euros cada un.
Os procesados Gustavo Adolfo Agudelo Castro, Fernando Bugallo Varela e Fredy Wily Curmilluni Laura resultaron condenados a seis anos e un día de prisión como autores do mesmo delito, aínda que no seu caso tan só concorre a circunstancia atenuante de dilacións indebidas e non a de confesión. Tamén deberán pagar dúas multas de 64.270 euros.
A sentenza condena os acusados José Manuel Domínguez Gago, José Luis Martínez González e Vicente Piñeiro Soliño como autores por cooperación necesaria dun delito contra a saúde pública igual que o dos anteriores acusados, pero en grao de tentativa. No seu caso, concorren as circunstancias atenuantes de dilacións indebidas e confesión e a pena quedou en dous anos e tres meses e dúas multas de 32.500 euros.
Ademais, todos os condenados indemnizarán conxunta e solidariamente ao Estado español na suma de 23.110,88 euros máis intereses.
Relacionadas:
-
Dez dos 17 acusados da rede do Mulo por un alixo de 1.245 quilos de coca recoñecen os feitos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O narco 'O Mulo' volve á Audiencia e enfróntase a 24 anos de prisión e unha multa de 425 millóns
Por Natalia Puga |
-
A rede do Mulo enfróntase a 80 anos de prisión polo alixo da Lanzada, só un terzo do que pedían antes do xuízo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Audiencia retoma o xuízo contra a rede de narcos do 'Mulo' co testemuño dos investigadores
Por Redacción |
-
A Policía confirma que O Mulo era quen daba la última palabra no operativo da descarga de droga
Por Redacción |
-
Cinco dos 13 acusados no xuízo do Mulo rexeitan calquera relación coa descarga de cocaína
Por Redacción |
-
Nove acusados no xuízo da planadora da Lanzada recoñecerán os feitos tras aparecer unha carta do Mulo
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
14 persoas a xuízo polo alixo de 3.500 quilos de coca que ía nunha planadora queimada na Lanzada e apareceu flotando
Por Redacción |