Carmela Silva expresa o seu "absoluto rexeitamento" á forma de facer política do PP
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou o seu "absoluto rexeitamento á forma de facer política do Partido Popular" e sinalou que lle produce "unha enorme tristeza" que a formación política que goberna no Estado, na Xunta e en moitos concellos faga unha "política destrutiva de descualificacións, insultos e mesmo de falta de sensibilidade".
Nunha rolda de prensa celebrada este martes no Pazo provincial, a mandataria socialista fixo referencia con esta valoración ás declaracións efectuadas polo deputado provincial do PP, Santiago Rodríguez Davila, que acusou o goberno bipartito da Deputación de "intento de xenocidio cultural" por retirar as axudas a rondallas.
"Os políticos cando falamos temos que medir moitísimo o que dicimos porque temos que ser un exemplo para a sociedade", indicou Carmela Silva. A utilización da palabra "xenocidio" por parte do deputado popular foi recriminada pola presidenta provincial que condenou esta forma "despreciable" de facer política.
Carmela Silva sinalou que estamos en "pre ano electoral" e vaticinou que "o Partido Popular vai facer durante este ano unha política triste, barriobajera, de insulto e descualificación, de mentiras, de tentar embarrar o campo" e advertiu que "neste Goberno da Deputación non imos entrar nesa forma de facer política".
A presidenta da Deputación de Pontevedra dixo que os deputados populares "teñen que seguir os mandatos do seu presidente provincial e vicepresidente da Xunta, o señor Alfonso Rueda" algo que achacou a que o PP está "moi nervioso" porque "as enquisas danlle moi mal" e porque "outros partidos están a ocuparlle o seu espazo político".
Igualmente Carmela Silva dixo que lle producen un "profundo noxo" as declaracións do portavoz do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, Ángel Moldes, que acusou á presidenta de utilizar o Plan de Reequilibrio para que David Regades liderase o PSOE. "Paréceme gravísimo que diga iso o partido que está a ser xulgado por múltiples casos de corrupción", sostivo Silva.