Parte do departamento de Servizos Sociais é trasladado temporalmente á Casa Azul
Por Redacción
O incendio que se producía a primeiras horas deste martes nas instalacións de Servizos Sociais no Chalé de Fontoira provocou que parte deste departamento se tivese que trasladar ata a Casa Azul, situada na rúa Sor Lucía.
Desde o Concello de Pontevedra alertan a aquelas persoas que teñan que despachar coas traballadoras desprazadas ata estas dependencias municipais que o acceso ao edificio debe realizarse pola parte de atrás do edificio. O espazo no que se situaron temporalmente estes despachos atópanse no soto.
Durante o martes, estableceuse un sistema de emerxencias e agora habilitáronse estes puntos de atención mentres non se rehabilite completamente o edificio incendiado.
En todo caso, no Chalé de Fontoira permanecerán cinco despachos de traballadoras sociais, que seguirán mantendo a súa actividade, xa que as súas zonas de traballo non se viron afectadas polo lume.