Un preso da Lama denunciado por violación aspira sen éxito ao arquivo definitivo do caso
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra botou por terra as pretensións dun home que foi denunciado pola súa ex parella por tela presuntamente violado durante unha visita ao centro penal da Lama, onde el cumpría condena. A muller denunciouno, a causa foi arquivada de forma provisional, pero el quere que o arquivo sexa definitivo para que non quede nin rastro del no seu historial.
A Sección Segunda da Audiencia discrepa de tales pretensións e, aínda que mantén o sobresemento provisional, matiza que o arquivo da causa por falta de probas "en nada afecta á verosimilitude inicial dos feitos" denunciados pola muller.
A muller denunciou que mantivera unha relación co presunto agresor e, durante a súa estancia na Lama, acudiu a visitalo. Cando ambos se atopaban nun encontro íntimo, os denomiados 'vis a vis' este "forzáraa a manter relacións sexuais".
A causa que agora chegou á Audiencia iniciouse no Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra por mor da denuncia da presunta vítima no ano 2015. Tras revisar todas as probas e a declaración da moza e do seu presunto agresor, este xulgado decretou xa en novembro de 2015 o sobresemento provisional e arquivo das actuacións.
O xulgado constatou que as versións dos feitos "son contraditorias". Mentres o investigado alegou que as relacións sexuais que mantiveron foron consentidas, ela mantivo que a forzou a telas. Ademais, a sala non atopou "indicios corroboradores" da versión dos feitos dada pola denunciante, de modo que non se puido constar que os feitos fosen verdade.
A pesar de que aparentemente a resolución é favorable ao home, el decidiu recorrer ante a Audiencia, pois entende que aínda figura como investigado por un suposto delito de agresión/abuso sexual e quere que se declare o sobresemento libre, isto é, definitivo.
Esta declaración que reclama o home supoñería a constatación de que non existiron os indicios que deron lugar a esta causa ou que as probas achegadas no xulgado desvirtuaron estes indicios, pero a Audiencia Provincial cre que neste caso non se dan as circunstancias.
A Audiencia desestima o recurso de apelación formulado e confirma a decisión do xulgado instrutor, de modo que o arquivo segue a ser provisional, non definitivo.