As solicitudes de reparación nas rúas poderán realizarse vía Internet
Por Redacción
Os veciños poderán presentar a partir deste mércores 24 de xaneiro as súas queixas sobre danos que localizasen na cidade a través da páxina web do Concello de Pontevedra. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, anunciaba esta nova ferramenta que permitirá aos pontevedreses trasladar aos servizos municipais aquelas demandas para que os servizos de obras interveñan para reparar.
Os interesados terán que cubrir un formulario e contarán coa posibilidade de achegar arquivos audiovisuais, que non pesen máis de 20 megas. Esta novidade foi presentada polo concelleiro este martes na Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos.
Gómez indicou que, durante case dous anos, a empresa encargada de reparacións realizou 754 intervencións. Na maioría dos casos trátase de obras sobre o pavimento, aínda que tamén foron necesarios traballos en arquetas, reposición de sinalizacións, retiradas de ramas de árbores. O concelleiro indicou que todos os servizos municipais traballan para alertar no caso de que detecten algunha situación anómalo.
Sinalaba que os operarios de obras en ocasións realizan percorridos por algunhas zonas para revisar o estado do mobiliario e das baldosas. Os axentes da Policía Local tamén colaboran informando sobre todo no caso de que se atopen con espazos públicos que non ofrezan as condicións que garantan a seguridade dos cidadáns. Tamén se rexistran casos nos que as denuncias de persoas afectadas levan a intervención da empresa encargada da reparación.
A empresa EC Casas é a adxudicataria deste servizo de pequenas obras cun contrato que alcanza os 242.000 euros anuais e permanece vixente ata 2019, coa posibilidade de ser prorrogado. Demetrio Gómez indicou que desde a súa implantación en abril de 2016, os resultados están a ser positivos e normalmente, sobre todo nos meses de inverno, traballan dous equipos de operarios para resolver estas reformas.
Relacionadas:
-
O treito peonil da rúa Oliva estreará novo pavimento
Por Alejandro Espiño |
-
Zafarrancho "integral" en Pontevedra para mellorar o pavimento das súas rúas
Por Alejandro Espiño |
-
O 'buzón cidadán' recibe nove queixas por espazos públicos nos seus primeiros días
Por Alejandro Espiño |
-
EC Casas, encargada de reparar e manter as vías urbanas durante os dous próximos anos
Por Alejandro Espiño |