Cando tirar o lixo ao colector pon en perigo a vida
Por Redacción
Veciños residentes nas proximidades do antigo matadoiro de Marín, na parroquia de Mogor, denuncian que o novo emprazamento dos colectores de lixo supón un risco para a súa integridade física ao verse obrigados a cruzar a estrada PO-551 cada vez que queren depositar as bolsas nestes novos recipientes.
Estes cidadáns de Marín culpan o Concello de permitir que a nova empresa concesionaria da recollida modifique o emprazamento dos colectores para a comodidade dos operarios e sen ter en conta as necesidades da veciñanza.
Anteriormente, os usuarios empregaban un illote situado na marxe esquerda en dirección a Seixo. Nesta marxe atópanse as vivendas que utilizan estes colectores. Desta forma, os residentes non se vían obrigados a atravesar a estrada pola que circulan milleiros de vehículos diariamente.
Os afectados indican que nesa zona de Mogor residen moitas persoas de avanzada idade para as que supón unha dificultade engadida e un risco cruzar a estrada. Piden que a empresa sitúe os colectores na marxe no que se sitúan as vivendas.