Meaño estrea campo de fútbol de herba artificial
Por Redacción
O deputado de Cooperación da Deputación, David Regades, a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha, e os deputados Chelo Besada e Javier Dios, xunto con integrantes da corporación municipal e responsables dos clubs deportivos da vila, inauguraron este venres o renovado campo de fútbol da localidade.
Trátase dunha instalación na que ademais se habilitou un amplo camiño de acceso, urbanizouse un aparcadoiro e adaptouse a persoas con mobilidade reducida.
Na súa intervención tanto o deputado David Regades como a alcaldesa sinalaron a "boa consonancia entre o Concello e a Deputación para que esta obra se levara a cabo".
O convenio para o proxecto de campo de céspede sintético de Meaño foi asinado o 25 de xuño de 2015 polo anterior presidente da Deputación cun importe de 428.477,36 euros, dos cales a institución provincial achegaba 154.907,04 euros, pero non contemplaba unidades de obra necesarias para executarse nin a urbanización do acceso ao campo polo que se realizou unha modificación.
A nova actuación contou cun orzamento de execución de 674.911,17 euros.
Durante a xornada de inauguración deste novo espazo deportivo en Meaño tiveron lugar dous partidos simultáneos de fútbol 7 nos que participaron os equipos infantís e benxamíns do Dena e do Meaño.