Vilagarcía inicia os trámites para construír a súa segunda piscina
Por Redacción
Coincidindo coa celebración dos 25 anos do inicio das obras da actual piscina municipal, o goberno local do alcalde Alberto Varela iniciará o vindeiro luns os trámites para a construción dunha nova, a segunda, que quedará conectada á existente por un corredor climatizado.
En concreto, este luns a Xunta de Goberno aprobará a compra dos terreos, algo máis de 3.700 metros cadrados, unha vez concluídas e con éxito as negociacións desenvolvidas co propietario nos últimos meses.
O custe da operación son aproximadamente 140.000 euros, que se sufragarán con cargo ao Plan Concellos da Deputación.
Paralelamente, o equipo de Varela Paz xa ten practicamente redactado o prego de bases que permitirá contratar a redacción do proxecto técnico, por importe de algo máis de 60.000 euros. As obras propiamente ditas, cun presuposto estimado de 1,3 millóns de euros, se executarán con cargo aos fondos Feder (Proxecto "Vilagarcía Avanza") e os plans provinciais de investimentos singulares nos concellos da Deputación de Pontevedra.
A intención é que as obras poidan adxudicarse ao longo deste ano, para materializarse en 2019.
A actuación inclúese, ademais, nun plan máis ambicioso de reforma e mellora das principais instalacións deportivas da cidade, o que abrangue os campos da Lomba e Vilaxoán, o pavillón número 1 de Fontecarmoa e ata a actual piscina, proxectos dos que se dará conta en vindeiras datas.
Un dos aspectos que deberá ter en conta o equipo redactor ao que se adxudique o proxecto técnico na nova piscina será a reforma integral da fachada acristalada da actual piscina, que presenta problemas de condensación e na que deberá abrirse un oco dende o que parta o corredor climatizado que unirá ambos vasos.