O lombo da pista de A Pousa xa está arranxado
Por Redacción
O acceso a unha ducia de vivendas no lugar de A Pousa, na parroquia caldelá de Caritel, xa está acondicionado. O Concello realizou unha obra para corrixir os resaltos que provocaron as raíces dos árbores, causando un serio problema de seguridade viaria.
O goberno local tripartito recibiu as queixas da veciñanza, que subliñaba que os obstáculos estaban situados nun lombo da pista. O lugar é ademais bastante estreito e está a carón dun muro, agudizando a escasa visibilidade. Só o perfecto coñecemento da zona permitía circular con garantías.
A obra consistiu no asfaltado dun tramo duns cen metros, previo recrecemento con zahorra artificial. Tamén se limparon ben as marxes da pista e colocaronse drenaxes laterais para canalizar as augas pluviais e evitar enchoupamentos.