Os pontevedreses só presentaron 55 queixas no Concello en todo o ano pasado
Por Oskar Viéitez
A comisión municipal de reclamacións e suxestións estudará o motivo polo que en todo o ano pasado os pontevedreses só presentaron 55 queixas no Concello, xa sexa por rexistro ou a través da páxina web.
A presidenta desta comisión, a socialista Paloma Castro, comentou que esta cifra "parécenos moi baixa" tendo en conta que os resumos trimestrais ofrecen unha cifra maior, polo que sospeita que "non informan á comisión de todas as queixas que se reciben" e nalgunhas ocasións "ofrécense respostas con evasivas como que se está á espera dun informe ou se toma nota da reclamación".
Sobre esas 55 queixas tramitadas das que tivo constancia o pasado ano afectan a numerosos ámbitos, desde unha petición para impedir que volvan os patos ao estanque das Palmeiras ata a petición de cámaras de vixilancia na rúa para evitar actos vandálicos.
O asunto que máis queixas sumou é o mal estado no que se atopa o barrio de Mollabao, seguido pola falta de limpeza urbana. Pero tamén hai reclamacións pola "inadecuada asistencia" dos servizos sociais ou polo trato dispensado pola Policía Local ou por outros funcionarios municipais, segundo informou Paloma Castro.