Detido un menor por unha onda de roubos e danos en colexios de Pontevedra
Por Redacción
A Policía Nacional de Pontevedra logrou esclarecer a recente onda de roubos que entre agosto e novembro de 2017 deixou un rastro de polo menos oito incidentes en centros educativos da cidade, fundamentalmente das zonas de Campolongo e A Xunqueira. Atribúenlle os asaltos a un veciño da cidade menor de idade ao que detiveron a principios desta semana, pero non se dá por pechada a operación.
Segundo informou a Comisaría Provincial, o mozo xa ten antecedentes policiais e atribúenselle varios delitos de roubo con forza e danos en colexios da cidade. A primeira denuncia presentouse en agosto e houbo incidentes tamén en setembro, outubro e novembro.
A denuncia que se considera o inicio da onda de roubos recolle que alguén forzou a entrada a un colexio e causou danos, pero non chegou a levar nada. O segundo roubo, xa en setembro, si tivo botín. Forzaron unha xanela para acceder ao centro escolar e roubaron algúns moedas, unha tableta e tres cámaras de fotos do interior dun armario do despacho de dirección.
En setembro houbo varios casos no mesmo colexio. Accederon ao centro sen permiso veces máis e causaron múltiples danos nas dúas ocasións sen que a dirección notase a falta de ningún obxecto de valor.
En outubro unha profesora do colexio sorprendeu aos presuntos autores cando saltaban o valo metálico do centro. Previamente forzaran algunhas portas e causaron danos, de novo sen levar nada de valor.
Xa en novembro accederon ao mesmo centro, esta vez forzando unha porta de aluminio e dirixíronse ao local da asociación de pais, do que subtraeron cinco euros e nel causaron danos. Ese mes houbo dous roubos máis no mesmo centro. O ladrón fracturou unha xanela para acceder e subtraeu unha das veces 100 euros en efectivo da recadación das fotocopias e a outra levou 200 euros da conserxería, causando, ademais, danos valorados en 3.300 euros.
Ademais deses danos e roubos, houbo dúas tentativas de roubo con forza e danos noutro centro docente da cidade. En todos os casos Policía Científica levou a cabo a correspondente inspección ocular e abriuse unha investigación que acaba de dar os seus froitos.