O PP asegura que a Deputación incumpre a Lei de Administración Electrónica
Por Redacción
Desde outubro do ano 2016 a Deputación de Pontevedra, do mesmo xeito que o resto de institucións públicas, debe cumprir a Lei de Administración Electrónica, algo que segundo a deputada popular Belén Villar non esta sucedendo.
A representante do Partido Popular reclamou que estes servizos se poñan en funcionamento para ofrecer ao cidadán unha atención áxil e transparente.
"Nin se están practicando notificacións a través de medios electrónicos, como en moitos casos teñen o deber legal de facer no caso de empresas ou asociacións, nin tampouco, por poñer outro exemplo, están a traballar nas dependencias administrativas cos expedientes en formato electrónico", asegura Villar.
Trátase para a deputada popular dunha situación "lamentable e vergoñosa" subliñando que moitos municipios pequenos xa permiten aos seus cidadáns e traballadores facer todos os trámites electronicamente e acceder aos seus expedientes de forma telemática, ao contrario do que sucede, asegura, na administración provincial.