A Lama planifica os traballos de mellora dun camiño en Fentosa-Seixido
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, acompañado por veciños da zona e responsables técnicos da empresa de construción encargada de realizar as melloras nun camiño de Fentosa a Seixido dentro da axudas da Xunta a través do Plan Marco, plantificaron sobre o terreo as dificultades que presenta o trazado do viaduto que se verá ampliado substancialmente para facilitar un mellor acceso ás vivendas e ao vello campo de fútbol alí existente.
Os traballos, que foron iniciados xa co concurso de maquinaria pesada, permitirán tamén unha mellor incorporación dos vehículos procedentes deste barrio de Seixido á estrada PO-235 xa que ao mellorarse este acceso converterase no máis usado polos veciños do lugar xa que a saída goza de maior visibilidade e seguridade para o tráfico rodado.
Unha vez analizado o trazado definitivo do viario, o alcalde decidiu mellorar a canalización de augas pluviais existentes na zona e reforzar cunha arqueta o sistema de tragantes actual para que poida discorrer con maior facilidade á vez que se mellora tamén a seguridade viaria nunha curva anexa á zona onde podería haber risco para o tráfico rodado.
Aproveitando a presenza de maquinaria pesada e ante a petición veciñal, o rexedor accedeu tamén a mellorar os acceso ao antigo campo de fútbol, que tamén será obxecto dun lixeiro tratamento coa motoniveladora para volver poñelo operativo para a práctica do deporte á vez que tamén se habilitará para o uso veciñal e de esparexemento dos residentes na zona que no verán adoitan realizar actividades coincidindo coas súas celebracións patronais.