Un espectacular accidente na Illa de Arousa deixa tres persoas feridas
Por Redacción
Tres mozos resultaban feridos na tarde deste martes cando o vehículo no que circulaban saía da vía na rotonda de acceso á Illa de Arousa. Os tres ocupantes foron evacuados e trasladados por unha ambulancia ao Hospital do Salnés onde foron atendidos das feridas que, sobre todo, producíronse ao cortarse cos cristais dos portelos ao tentar saír do coche.
A pesar da espectacularidade do accidente, os ocupantes non sufriron feridas de gravidade, segundo as primeiras impresións dos efectivos do servizo de Emerxencias.
No vehículo viaxaban o condutor, de 21 anos, que sufriu feridas nunha man e nunha perna; o copiloto, de 20 anos, que se doía de feridas nunha man e un menor, de 17 anos de idade, que viaxaba no asento traseiro e que tamén presentaba feridas na man, segundo Protección Civil de Cambados. Os ocupantes son veciños de Madrid, Carril e Valga.
No operativo, ademais de integrantes de Protección Civil de Cambados, tamén interviron axentes da Policía Local da Illa de Arousa e da Garda Civil de Tráfico.
CHOCA CONTRA UNHA ÁRBORE EN CALDAS
Tamén na tarde deste martes rexistrábase un accidente en Caldas de Reis, ao redor das 14.30 horas. Un turismo saía da vía impactando contra unha árbore á entrada do lugar de Cesariños.
A condutora que pilotaba o auto resultaba ferida e foi trasladada ao Hospital do Salnés. Non foi necesaria a excarceración pero ata o lugar chegaron a desprazarse membros do GES de Valga e efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilagarcía de Arousa.