Repsol subministrará o carburante aos servizos municipais de Sanxenxo
Por Redacción
A mesa de contratación para a subministración de carburantes ao Concello de Sanxenxo propuxo á empresa Repsol como adxudicataria deste servizo, licitado por dous anos sen posibilidade de prórroga por 95.000 euros anuais.
Este contrato permitirá a subministración de carburantes, en estación de servizo, para os vehículos do parque móbil e a maquinaria municipal.
Os criterios de adxudicación valorados foron dous, a distancia e o prezo. A primeira foi valorada cun máximo de 50 puntos e para isto os licitadores tiveron que presentar unha memoria detallada das instalacións nas que se prestaría o servizo, coa distancia exacta da estación ao Concello.
O outro punto a ter en conta, o prezo, foi valorado tamén cun máximo de 50 puntos, expresados nunha única porcentaxe de desconto, a aplicar a todos os tipos de carburante, respecto ao prezo do chafariz no momento da reposición.
A relación de vehículos do parque móbil municipal ascende a 43 vehículos, entre os que se inclúen os de policía local, bombeiros, salvamento de praias, limpeza de praias, parques e xardíns, urbanismo, medio ambiente e outros servizos.
Por outra banda, un total de 60 unidades de maquinaria adscrita aos diversos servizos municipais serán destinataria desta subministración, entre elas, bombas de achique, serras, xeradores, tractores, rozadoras ou motores foraborda.