Un remolque sóltase do vehículo e impacta contra un camión causando un ferido
Por Redacción
O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados tiña que intervir no mediodía deste sábado cunha ambulancia para atender unha persoa ferida na Vía Rápida do Salnés.
Un remolque soltábase dun vehículo que circulaba pola VG 4.2 no quilómetro 1, no municipio de Ribadumia. Ao soltarse impactaba contra a cabina dun camión causándolle danos.
O condutor do camión, un veciño de Vilanova de Arousa de 38 anos, sofreu cortes na faciana debido ao forte impacto e tivo que ser atendido polos integrantes do Servizo de Emerxencias de Cambados.
Ata o lugar trasladáronse efectivos do Parque de Bombeiros do Salnés, axentes da Garda Civil de Tráfico e operarios de mantemento de estradas.