Bueu busca financiamento para renovar a rede de abastecemento das avenidas de Marín e A Barca
Por Redacción
O Concello de Bueu acometerá a renovación do tramo da rede de abastecemento entre a Avenida da Barca e a de Marín cun doble obxectivo: renovar as tubaxes que se atopan en mal estado e que causan continuas avarías e molestias á cidadanía e levar a cabo un incremento da presión en certas zonas.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, o proxecto está orzamentado en case 45.000 euros e, para financialo, solicitará unha subvención da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental 2018.
O Concello confía en que logrará a subvención tendo en conta que a Xunta de Galicia está priorizando as actuacións relacionadas co abastecemento de auga, como ocorre neste proxecto.
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, indica que a actuación poderá chegar a cotas máis altas, ampliar as redes actuais e darlle máis cobertura aos usuarios das zonas próximas, como Loureiro, Agrelo, ou diversos lugares de Cela, como Castiñáns, Resille ou Sabarigo.