Intoxicada unha persoa en Marín, tras incendiarse a cociña da vivenda
Por Redacción
Ao redor das 00.30 horas desta noite do sábado ao domingo, un veciño alertaba ao 112 Galicia ante a presenza dun incendio nunha cociña dunha persoa residente no mesmo edificio da rúa Jaime Janer en Marín.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia alertábase aos Bombeiros do Morrazo que se desprazaron de inmediato ata o lugar. Tamén se trasladou a información aos Bombeiros de Pontevedra, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.
Os axentes da Policía Local, unha vez que chegaron á vivenda, comprobaron que unha tixola quedara ao lume provocando unha gran cantidade de fume. Os residentes foron desaloxados da vivenda por precaución, segundo a información facilitada polo 112 Galicia.
Foi necesario trasladar a unha persoa ao centro de saúde con síntomas de intoxicación debido á forte presenza de fume na vivenda.
Os bombeiros do Morrazo lograron apagar o lume e sinalaron que as lapas provocaron o incendio dunha pota, da campá extractora da cociña e dos mobles situados nesa dependencia.