Silva e Lores asinan un convenio de 2,4 millóns para financiar dous campos de fútbol
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asinaron este venres un convenio para financiar dous campos de futbol de herba sintética nas parroquias de Campañó e Ponte Sampaio.
A entidade provincial achegará 999.437 euros para o recinto de Campañó mentres que o de Ponte Sampaio elévase ata os 1.397.120 euros xa que forma parte dun "ambicioso" proxecto "máis especial", sinalou o alcalde, xa que inclúe a ampliación da zona pública da Xunqueira, a derriba do actual campo a beiras do río Verdugo, a construción dun novo nunha leira particular comprada polo Concello e a recuperación para o uso cidadán de todo este ámbito da praia fluvial.
Carmela Silva lembrou que este convenio forma parte de acordo marco subscrito ao principio do seu mandato coa Boa Vila no que xa levan destinados uns oito millóns de euros en Pontevedra cunha previsión de alcanzar os dez millóns de investimento ao concluír esta etapa do Goberno provincial.
A presidenta tamén destacou que a Deputación financia esta investimento pero é o Concello quen redacta e executa os proxectos.
Deputación financia esta investimento pero é o Concello quen redacta e executa os proxectos
Pola súa banda, Fernández Lores precisou que o proxecto de Campañó "está moi avanzado" mentres que o plan de Ponte Sampaio segue pendente das xestións de Costas para a desafectación do actual recinto.
O alcalde quixo destacar que estes dous campos súmanse a outros xa en marcha como o de Cerponzóns, que espera inaugurar en abril e o de Santa María de Xeve, que está coas actuacións preliminares.
Tanto a presidenta provincial como o rexedor da capital destacaron a boa relación de lealdade e colaboración que existe entre ambas as institucións.