Enrique Vaqueiro, novo coordinador xeral do Partido Socialista en Pontevedra
Por Redacción
Os secretarios xerais das agrupacións socialistas da comarca de Pontevedra mantiveron un encontro para formar a coordinadora comarcal. Trátase dun órgano que se destinará a coordinar a Comisión executiva provincial e as agrupacións locais para as eleccións municipais de 2019.
Nesta reunión proclamouse ao secretario xeral da agrupación da Lama Enrique Vaqueiro como coordinador do órgano político. Non foi necesario levar a cabo unha votación e o dirixente socialista foi elixido por aclamación.
Ao encontro acudía a vicesecretaria xeral política da executiva provincial, Paula Fernández, que subliñou o consenso logrado polos representantes das agrupacións locais.
Vaqueiro márcase como obxectivo subir en votos e aumentar os concelleiros nos oito concellos da comarca, ademais de consolidar as alcaldías de Ponte Caldelas e Fornelos polo traballo que desenvolven os seus rexedores, segundo expuxo.
A idea do novo coordinador é impulsar o contacto directo coas oito agrupacións de Pontevedra para establecer a liña para seguir pola Coordinadora Comarcal na que se atopan os secretarios xerais de Ponte Caldelas, A Lama, Pontevedra, Poio, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior e Fornelos. A eles sumarase un representante de Xuventudes Socialistas.