O alcalde da Lama traslada a súa repulsa a Correos por reducir o horario de atención ao público
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, trasladou aos responsables de Correos en Pontevedra a súa máis enérxica protesta pola decisión "unilateral" de abrir as oficinas ao público na Lama de 10:15 horas a 11 horas, un total de 45 minutos, a partir do 1 de marzo.
Jorge Canda argumentou no seu escrito de protesta o malestar que ocasionará nos usuarios da oficina de Correos da Lama esta redución drástica no horario de atención ao público, "xa reducido con anterioridade a dúas horas diarias e que xa motivara a nosa disconformidade anterior".
Canda defendeu o carácter de vocación de servizo que ten Correos e considerou esta "decisión unilateral" un "atentado" contra os veciños da Lama e "pon de relevo a nula sensibilidade deste organismo co mundo rural e con aqueles veciños que residen nun municipio destas características".
O rexedor da Lama considera "escasísimos os 45 minutos, nin siquera unha hora, que vai permanecer aberta ao público a oficina de Correos na Lama que vai facer que os usuarios non se podan despistar ou retrasar nunha xestión porque atoparán as portas da oficina pechada diante dos seus narices".
O alcalde espera que se produza unha rectificación por parte da dirección provincial de Correos e instará á Xunta de Galicia e á propia Deputación de Pontevedra a expresar a súa repulsa por esta decisión "inxusta, inadecuada e que marxina os intereses dos veciños e veciñas dun municipio tan disperso como A Lama".