Abre o prazo de inscrición para os campamentos polideportivos de Príncipe Felipe
Por Redacción
Ata o 23 de marzo está aberto o prazo de inscrición nos campamentos de verán que organiza a Deputación de Pontevedra en Príncipe Felipe. Neles poderán participar rapaces e rapazas que teñan o seu domicilio habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra e que naceran entre os anos 2004 e 2011, ambos incluídos.
Ao igual que o ano pasado este campamento terá 6 quendas con 50 prazas para cada unha.
A primeira comezará o 9 de xullo e rematará o 14 de xullo; a segunda, será do 16 de xullo ao 21 de xullo; a terceira, do 23 de xullo ao 28 de xullo; a cuarta, do 6 de agosto ao 11 de agosto; a quinta, do 13 de agosto ao 18 de agosto, e a sexta arrancará o 20 agosto e alongarase ata o 25 agosto.
Durante o campamento, que terá un prezo de 125 euros por participante, realizaranse diferentes actividades como saídas ao medio natural, parque multiaventura, tiro con arco, deportes en equipo, actividades acuáticas e obradoiros.
Os membros de familia numerosa ata tres fillos terán un desconto do 20% e os de máis de tres fillos terán un desconto do 30%.
As prazas adxudicaranse mediante un sorteo, reservando 31 prazas para os nenos e nenas do centro Príncipe Felipe. Daráselles prioridade a aqueles participantes que non asistisen ao campamento do ano pasado e establecerase unha cota por concellos de maneira proporcional segundo a súa poboación.