Animan os veciños de Pontevedra a botar unha man en favor da ILP do bosque autóctono
A Alianza por un Rural Galego Vivo (CIG, FRUGA e ORGACCMM) e Cousa de Raíces acadaron este luns 5 de marzo o apoio da corporación provincial para a mellora dos hábitats do bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.
Durante as reunións que tiveron lugar no Concello e na Deputación de Pontevedra o longo da maña, destacáronse os motivos que levan a presentar esta Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) e os obxectivos que pretender acadar.
César Mosquera resaltaba que a Deputación ten feito o diagnóstico e, por ende, as vías a tomar. Ten claro que o maior problema reside no abandono do bosque, que dá lugar en moitos casos aos incendios.
Mosquera aborda esta cuestión con ansias de cambio, como un modo de amosar un horizonte novo de cara ás xeracións futuras, de maneira que se atopen un bosque en mellores condicións das que se atopa agora.
Ademáis, na reunión levada a cabo na Deputación, explicouse a existencia dun convenio coa Universidade que conta cun panel de expertos a nivel mundial que aporta enfoques novos de cara a atopar solucións.
A Alianza por un Rural Galego Vivo critica as condicións e a xestión dos montes galegos, que favorece o aumento do eucalipto por mor dun modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido.
Considera tamén un problema a aplicación dunha Política Agraría Común (PAC), que destrúe as economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos sobre producións agrarias e gandeiras, o que provoca o abandono do mundo rural e favorece a extensión do monocultivo de especies de crecemento rápido sobre terras agrarias abandonadas.
Con estas exposicións, buscan animar a vecindade da provincia de Pontevedra a botar unha man asinando a favor desta iniciativa, que consideran un ben común para a comunidade e o país.
Esta ILP será levada a pleno o próximo día 6.