Punta Vicaño volverá ter quiosco con terraza durante seis meses ao ano
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo sacou a licitación a concesión administrativa para a instalación e explotación dun quiosco, de tempada e con terraza, no parque de Punta Vicaño.
A duración do contrato será de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha. O quiosco, con aseos e terraza, instalarase por un período máximo de seis meses, a contar desde a Semana Santa de cada ano.
Márcase como prezo de licitación unha cantidade mínima de 4.500 euros anuais sen IVE e establécense como criterios de adxudicación a memoria descritiva das instalacións, a memoria da prestación do servizo e o prezo.
A memoria descritiva das instalacións valorarase cun máximo de 80 puntos e para iso os interesados terán que presentar un documento que describa as instalacións, as condicións ambientais e estéticas, as medidas que favorezan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida e o orzamento exterior previsto.
En canto á memoria de prestación do servizo, esta será valorada cun máximo de 20 puntos e, por último, o canon ou prezo que terá un máximo de 100 puntos, coa seguinte distribución: outorgaranse 10 puntos por cada 10% de alza sobre 4.500 euros anuais.
Ademais, tamén se licitou a contratación do servizo de cafetería para o centro cultural municipal de Adina.
A duración do contrato será dun ano, con posibilidade de tres prórrogas dun ano cada unha, e no prego establécese un prezo de licitación de mínimo 1.500 euros anuais, sen IVE.
Neste caso valorarase a memoria de prestación do servizo, cun máximo de 50 puntos, e o canon, cunha cantidade que non poderá ser inferior ao prezo establecido e que será puntuado cun máximo de 50 puntos. A isto hai que engadir os 5 puntos por cada 300 euros de incremento sobre o mínimo.
Para ambas as licitacións ábrese un prazo de 15 días para a presentación de ofertas. Poderán ser entregadas no rexistro xeral do Concello, de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas.