Marín cede o protagonismo do 8 de marzo ao deporte feminino
Por Redacción
Grandes deportistas marinenses que destacan en diferentes disciplinas deportivas e mulleres xestoras e directivas de clubs. Elas serán as protagonistas do acto principal co que o Concello de Marín conmemorará este ano o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Marín optou este ano por centrar as súas actividades baixo o lema "Pola igualdade no deporte" e así ás 12.00 horas, na praza 8 de marzo -ou no salón de plenos do Concello se chove-, celebrarase este acto institucional.
A el están invitados os centros educativos e os clubs deportivos, xunto co público en xeral, onde se repartirá material de sensibilización sobre o día á cidadanía, utilizando a viñeta elaborada polo debuxante Luis Davila.
Así mesmo, dende o día 7 ata o 16 de marzo, terá lugar unha exposición de material relacionado coa historia do deporte municipal feminino, a actualidade e as novas promesas neste eido, nas instalacións da casa consistorial co título Marín: Pasado, presente e futuro da práctica deportiva feminina.
Pola súa banda, do 5 ao 19 de marzo nas instalacións dos institutos de Educación Secundaria está en exposición a mostra Sorrisos Transformadores, proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra.
Ademais, outras institucións do municipio sumáronse á conmemoración do Día Internacional da Muller coa celebración de diferentes actos, entre os que destacan o organizado polo Club de Opinión Portocelo para o día 23, ás 20.00 horas, na biblioteca pública municipal,
Baixo o título O reto da igualdade en Galicia, nel intervirán as catro deputadas autonómicas portavoces dos grupos parlamentarios do PP (Marián García), do PSOE (María Pierres), de En Marea (Paula Vázquez) e do BNG (Montserrat Prado).