O xornalismo de Pontevedra, sen voces femininas no 8 de marzo
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Este 8 de marzo, en Pontevedra, non haberá noticias nos xornais escritas por mulleres. Nin fotografías feitas por elas. Nos programas de radio non escoitaremos voces femininas. E en televisión tampouco aparecerán en pantalla.
As mulleres xornalistas da cidade secundaron a folga feminista do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Medio centenar de profesionais de todos os medios de comunicación locais participaron na histórica concentración convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra na praza do Peregrina pero, minutos antes, reuníronse a escasos metros -na Ferrería- para reivindicar igualdade entre homes e mulleres na súa profesión.
Carmen Abal (Radio Pontevedra), Ana López (Faro de Vigo), Susana Pedreira (Onda Cero), Fátima Frieiro e Olalla Bouza (Diario de Arousa) e Silvana Moril e Alba García (Canal Rías Baixas) foron as encargadas de ler o manifesto do movemento #AsXornalistasParamos, subscrito por máis de 7.000 persoas.
Nel, denuncian sufrir o mesmo machismo que as mulleres do resto de sectores -precariedade, inseguridade laboral, brecha salarial, teito de cristal, acoso sexual ou ninguneos- pero coas particularidades asociadas a unha profesión que, engaden, necesita o feminismo para mellorar e ofrecer unha visión real da sociedade que nos rodea.