Os socialistas propoñen unha rotonda para resolver problemas de tráfico en Monte Porreiro
Por Redacción
O Partido Socialista levará ao próximo pleno un moción co obxectivo posto en que o goberno actúe en Monte Porreiro e facilite a fluidez do tráfico, ademais de solicitar a mellora da contorna do barrio máis poboado da cidade.
Segundo expón Tino Fernández, portavoz do grupo municipal socialista, Monte Porreiro é un dos espazos urbanos que se atopa nunha situación de abandono por parte do goberno e por este motivo indica que o alcalde Fernández lores debería achegarse máis aos barrios para comprobar que o goberno non está a funcionar.
Neste sentido sinala que se detectan deficiencias na iluminación, mal coidado dos espazos públicos, mala limpeza viaria, un transporte que segue sendo "excesivamente caro" e parcelas con silveiras que invaden as beirarrúas.
En concreto, desde o PSOE alerta das retencións que se rexistran durante certas fases do día na intersección entre as rúas Grecia e Alemaña. Tino Fernández denuncia que se producen unha situación perigosa nese punto xa que se produciron pequenos accidentes debido á desesperación dos condutores.
Na moción indícase que a veciñanza reclamou solucións ao goberno local sen lograr unha resposta. Ante esta situación, o PSOE entende que o Concello debe estudar a opción de crear unha rotonda que evite os atascos.
O portavoz socialista lémbralle a Lores que os problemas de Pontevedra non se arranxan en Salzburgo.