O Concello prepara unha xornada formativa dos Camiños Escolares para o 14 de maio
Por Redacción
A cidadanía de Pontevedra poderá participar na xornada formativa que está a organizar a Concellaría de Seguridade Cidadá sobre os Camiños Escolares o vindeiro 14 de maio, pola tarde, no Pazo da Cultura. Nesta xornada participarán especialistas que teñen a Pontevedra como un referente no Estado na implantación dos Camiños Escolares: Jeanne Picard, de Stop Accidentes; Eva Muíños, presidenta do Colexio de Psicoloxía de Galicia; María Sintes, técnico en medio ambiente do CENEAM do Ministerio de Medio Ambiente; Carme da Silva, concelleira de Seguridade de Pontevedra.
A xornada foi presentada esta mañá pola concelleira Carme da Silva quen tamén explicou todo o proceso previo para a estender os Camiños Escolares no vindeiro curso a toda a cidade. Até o de agora fixéronse visitas aos centros públicos de Barcelos, Campolongo, Froebel, Vidal Portela, e Álvarez Limeses (onde xa está implantado). Tamén se visitou os privados Doroteas e Calasancias. A primeira reunión foi coas directivas e ANPAS dos centros de ensino.
Tamén se lles enviou unha enquisa por parte da Policía Local sobre a zona na que residen os nenos de máis de sete anos en cada un dos centros. Esta información permitirá aos axentes elaborar os itinerarios para colocar as persoas que facilitarán os cruces dos nenos nas rúas.
Realizáronse asembleas abertas ao profesorado e aos pais, onde se apreciou unha moi boa acollida, até o extremo de que nalgúns centros fíxose unha terceira reunión a petición da comunidade escolar.
O equipo de Camiños Escolares tamén mantivo unha reunión con Aempe e coas Federacións e Asociacións de veciños dado que todos son pezas clave neste proxecto ao facer partícipe a toda a sociedade de que os nenos son de todos, que todos somos responsables da súa seguridade e benestar. De aí a necesaria colaboración de comerciantes e veciños.
Esta fase preparatoria rematará o vindeiro 14 de maio coa xornada de formación que se celebrará no Pazo da Cultura, aberta a toda a cidadanía que quera coñecer ou participar do proxecto, estea ou non vinculada ou beneficiada directamente del. Unha das peticións dos pais, a pesar da natural preocupación dos proxenitores de deixar sos aos seus fillos, é que os rapaces gañen en autonomía.
Nesta xornada participarán especialistas neste eido e que sempre se mostaron a colaborar con Pontevedra, chegando a divulgar e dar a coñecer o modelo de cidade e, especialmente, o Camiño escolar de Pontevedra tanto dentro do Estado como fóra.
Previa a esta xornada, a concelleira anunciou o convite que trasladou o Concello de Carballo a Pontevedra para participar nunha xornada formativa de implantación dos Camiños Escolares nese municipio. Será mañá, ás 17.00 horas, e participarán o concelleiro Demetrio Gómez e o intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle.