Antas creará un gran parte forestal de 30 hectáreas
Por Redacción
A capela da Nosa Señora das Ermidas será o eixo central dun ambicioso proxecto que impulsan o Concello da Lama e a comunidade de montes de Antas. Trátase dun gran parque forestal de 30 hectáreas de superficie. Será financiado con 110.000 euros, en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
O alcalde, Jorge Canda, sinalou a importancia deste proxecto polo que representará para poñer en valor un dos elementos fundamentais do atractivo turístico e ambiental do municipio como é a contorna da carballeira e a capela de As Ermidas.
Este parque pretende "coidar e relanzar o que xa temos ademais de ampliar os servizos que en materia ambiental ofrece este marabilloso ámbito natural e sen custe para os veciños e veciñas de Antas", engadiu Canda.
As unidades de actuación sobre as que se pretende asentar este parque forestal son a contorna da capela, o petróglifo alí existente, o miradoiro do monte Fiadal e dous camiños naturais.
En canto á contorna da capela, prevese aproveitar a masa forestal existente para realizar unha operación de saneamento e coidado das árbores centenarias existentes e ampliar o número de exemplares a través da plantación de novas frondosas ata alcanzar unha superficie aproximada dunhas 18 hectáreas.
Para iso, levaranse a cabo labores de roza e limpeza, saneamento da masa forestal existente, repoboación con frondosas, peches perimetrais, muros de protección, limpeza e recuperación de canles de auga e fontes existentes, así como das mesas e parque infantil que se atopan moi deteriorados na actualidade.
Polo que respecta ao petróglifo existente nas proximidades da capela farase unha intervención arqueolóxica de identificación con sinalización e medidas de protección.
Tamén se aproveitará para mellorar o aparcadoiro de vehículos existente na zona e levarán a cabo medidas de limpeza e roza, repoboación de frondosas, peches perimetrais, sinalización e mellora dos espazos acoutados para o uso e goce dos cidadáns.
Outra actuación que prevé este parque forestal sitúase no miradoiro do monte Fiadal, onde xa existe un refuxio que será reformado para convertelo nun espazo privilexiado desde o que observar as distintas paisaxes que presenta o municipio da Lama, a Serra do Cando, así como as desembocaduras das rías de Vigo e Pontevedra, coas súas illas ao fondo.
Nesta contorna do miradoiro do monte Fiadal tamén se prevén tarefas de roza e limpeza, peches perimetrais, saneamentos e melloras do chan nos espazos acoutados para o uso e goce dos cidadáns, colocación de bancos para os visitantes que acudan ao lugar así como unha adecuada sinalización da contorna.
Outro dos aspectos importantes deste proxecto céntrase nos camiños naturais cos que se dará acceso peonil a lugares estratéxicos e de interese do parque forestal e permitirán tamén crear un circuíto circular por diversos lugares de especial interese desta paraxe ambiental situada na parroquia de Antas.
Neles, realizaranse traballos de roza e limpeza, repoboación de frondosas nalgúns tramos, saneamento e mellora do piso en zonas que se atopan en mal estado, pequenas obras de fábrica para saneamento de auga e a correspondente sinalización para un uso adecuado do mesmo.