O colexio Santa Lucía de Moraña será eficiente en materia enerxética
Por Redacción
Case 550.000 euros. É o investimento que Educación realizará no colexio Santa Lucía de Moraña para mellorar a súa eficiencia enerxética.
Os traballos supoñen unha reforma integral, enerxética e funcional do centro, que precisa dunha actuación para dotar de maior conforto aos usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.
A actuación -que está cofinanciada con fondos FEDER- abrangue o illamento térmico da fachada exterior, a instalación de calefacción por biomasa e a substitución das actuais luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética.
Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético estimado anual do 84,3%.
A maiores, tamén se procederá á substitución das carpintarías en mal estado, verteaugas, vidros e proteccións solares e á reparación e pintado de paramentos interiores.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, destacou que dende Educación xa se levaron a cabo varias obras de mellora anteriores neste colexio, como a construción dunha rampla para discapacitados, a instalación dun peche e a colocación de falsos teitos. En total, neste centro investíronse nos últimos anos máis de 303.000 euros.