O goberno provincial di que está a reformar oficinas por "funcionalidade" e non por "capricho" como critica o PP
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra está a realizar obras nas súas dependencias do Edificio Administrativo para "mellorar a funcionalidade" e centralizar nunha mesma ubicación a todo o persoal do departamento de Mobilidade provincial, que dirixe o deputado nacionalista Uxío Benítez.
Pola contra, o grupo do Partido Popular acusa á presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva de acceder "aos caprichos de Uxío" para "evitar novos cabreos cos seus socios de goberno e permitir o derroche de 50.000 euros en ampliar dun xeito suntuoso un despacho no edificio administrativo do ente provincial achicando para elo o espazo de traballo dos funcionarios, e dificultando as condicións normais para desempeñar as súas funcións", segundo manifestou o deputado popular Luís Aragunde.
O goberno provincial aclarou que esta actuación estaba prevista dende o inicio do mandato pero a necesidade de licencias e autorizacións administrativas para facer os cambios no inmoble demoraron os traballos máis do previsto.
Estase a habilitar un novo espazo conxunto para todo o persoal técnico, incluídos os enxeñeiros de próxima incorporación. Créanse tres despachos para os enxeñeiros xefes de zona, créase unha nova sala de reunións e traballo, e centralízase ao persoal de administración por medio da retirada dos biombos existentes e a instalación doutros de nova planta.
Por outra parte, o deputado Uxío Benítez pasará do seu actual despacho cunhas dimensións de 20 metros cadrados á entrada do edificio a outro despacho de 17,10 metros cadrados con novo emprazamento ao fondo da planta.
O popular criticou esta iniciativa, "a un ano de que finalice o mandato deste bigoberno polo que supón de innecesario toda vez que vai ser o capricho dun deputado delegado, como Uxío Benítez, que apenas pasa por este centro de traballo para realizar labores de xestión e coordinación do seu departamento, un dos máis ineficientes dos que existen no ente provincial desde que chegaron os socialistas e os nacionalistas como ben saben os alcaldes e os veciños da provincia".
O vicepresidente provincial César Mosquera non quixo valorar as críticas do Partido Popular e limitouse a asegurar que "o PP perdeu o norte".