Cerdedo-Cotobade quere atraer visitantes
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acoller esta tarde unha xuntanza da Mesa Municipal de Turismo, na que se sentaron as bases para artellar accións que xeren un maior pulo económico e que permitan aumentar as cifras de visitantes e o volume de negocio que move este ramo.
O acto, que estivo coordinado polo presidente municipal, Jorge Cubela, e o técnico Diego López, contou coa presenza de decenas de representantes da hostalaría e a restauración, os aloxamentos e o turismo rural, os centros de lecer ou os xestores do observatorio astronómico do Coirego, entre outros.
Neste encontro, Cubela abordou a potencialidade da nova páxina web municipal, falou de eventos como a Transgalaica, a Subida, a Feira de Cuspedriños ou o San Xoán, e indicou que o goberno local vai impulsar, con iniciativas diversas, o sendeirismo, a riqueza medioambiental, as festas, o patrimonio arquitectónico e histórico e a gastronomía.
"Cremos que podemos redobrar esforzos para incrementar o volume de negocio", indicou Jorge Cubela.