O PSOE pide que se amplíen os postos do mercado ambulante
Por Redacción
O grupo municipal socialista rexistrou unha moción para o seu debate no Pleno da Corporación no que solicita ao goberno local medidas para impulsar e mellorar o mercado ambulante.
Entre outros asuntos o PSOE pide que se abra un proceso de ampliación de postos na feira que se instala cada sábado na rúa Rafael Areses.
"O mercadiño dos sábados non só é unha tradición senón que é unha referencia comercial e importante para a cidade", sinalou Tino Fernández.
Para o portavoz socialista a rúa Rafael Areses conta con capacidade para ampliar o mercado ambulante co obxectivo de incrementar o número de visitantes, ao observarse espazos en desuso.
Outro dos asuntos que propón modificar o PSOE é o sistema de cobro. Actualmente os ambulantes pagan unha cantidade mensual fixa, con independencia de que acudan á feira, polo que expoñen que se habilite un cobro real por asistencia establecendo mecanismos de control para os casos de inasistencia reiterada.
"Cremos que o sistema actual non é malo pero como todo, pode ser mellorado", argumentou Fernández.