Alertan do aumento de persoas en risco de exclusión que non poden pagar os medicamentos
Por Redacción
A Fundación Amigos de Galicia detectou nos últimos meses un aumento de solicitudes de axuda para poder afrontar o pago de medicamentos con prescrición médica e alerta de que nos últimos tempos apareceron novos tipos de exclusión social, en concreto, persoas que teñen emprego, pero non poden cubrir as súas necesidades básicas.
Á vista da alta demanda de solicitudes de axuda para pagar tratamentos, e preocupados ante esta situación, o colectivo está a traballar para, nun futuro, buscar unha solución aos casos máis graves.
Segundo a Fundación, estas persoas que tendo un emprego non superan os 18.000 euros anuais, pagan polos medicamentos con receita médica un 40% do prezo, véndose moitas veces obrigadas a renunciar tratamentos farmacolóxicos.
Estas persoas tamén deciden moitas veces espaciar as tomas para que os fármacos teñan máis duración ou mesmo só se compran os compostos máis económicos.
Neste ano, persoal do departamento de Traballo Social de Fundación Amigos de Galicia detectou un aumento nas solicitudes de axuda de persoas en risco de exclusión social para medicamentos e tamén son frecuentes aquelas persoas que, por non estar inscritas no INEM como demandantes de emprego, teñen que custear esta porcentaxe dos tratamentos, e non poden facer fronte ao pago dos mesmos.
Ademais, Amigos de Galicia detecta que moitas persoas xubiladas, por non pagar a cantidade que lle corresponde, abandonan moitas veces a medicación. Actualmente, as persoas que reciben unha pensión cunha renda inferior aos 18.000 euros pagan 8,23 euros de tope.