Un centenar en nenos participaron no encontro provincial de Cruz Vermella Mocidade
Por Redacción
Cruz Vermella Mocidade en Pontevedra organizou este sábado un encontro provincial dos menores participantes nos proxectos de promoción do éxito escolar. No evento participaron máis de 130 persoas entre os 100 nenos e o equipo de 30 voluntarios da institución procedentes da Estrada, Ponteareas, Vigo, Vilagarcía e Pontevedra.
Ao longo do día gozaron de diferentes actividades e xogos que o equipo de Cruz Vermella Mocidade estivera preparando para eles, desde unha feira con casetas, ata talleres de manualidades, cancións ou unha visita ao Salón do Libro.
O obxectivo deste encontro foi propiciar un espazo de lecer e diversión para estes menores e favorecer o coñecemento e intercambio entre os participantes de Cruz Vermella Mocidade na provincia de Pontevedra.
Os menores participantes contan con idades entre 6 e 12 anos e participan no proxecto de promoción do éxito escolar cuxo obxectivo é incidir naqueles factores de índole persoal e da contorna que inflúen no proceso escolar, facilitando o seu acceso a servizos e recursos que lle axuden a mellorar o seu rendemento e proporcionándolles axuda na realización das súas tarefas escolares en horario de tarde.
En total o ano pasado traballouse con 430 menores entregando 8.648 merendas ao longo do curso escolar e entregáronse 643 lotes de material escolar.