Unha condutora, ferida leve tras envorcar o seu vehículo en Vilaboa
Por Redacción
Unha muller resultaba ferida cando o turismo no que viaxaba envorcaba no municipio de Vilaboa. Segundo os datos do servizo do 112 Galicia, o accidente rexistrábase no punto quilométrico 9 na Nacional 554.
O coche envorcaba ao redor das 15.00 horas. Un particular alertaba ao 112 Galicia e indicaba que a muller se atopaba consciente e as portas do vehículo estaban abertas.
Desde o Centro integrado de Atención ás Emerxencias pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.
Os voluntarios de Protección Civil de Vilaboa confirmaron que a vítima se atopaba accesible. Nese momento descartábase a intervención dos integrantes do Servizo de Prevención e Salvamento do Morrazo. Foron os efectivos sanitarios os que colaboraron para liberar a muller.
UN FERIDO EN BARRO
Ademais, resultou ferido o condutor dun coche na estrada nacional N-550 en Barro.
Segundo informaron testemuñas presenciais, o sinistro tivo lugar ás 13.30 horas á altura da Portela e consistiu nunha colisión entre un camión e un turismo.
O condutor ferido tivo que saír do seu vehículo polo maleteiro ao quedar bloqueadas as portas como consecuencia do impacto.