Detido por roubar nun pub, unha xoiería e un comercio de bricolaxe
Por Redacción
Un establecemento de bricolaxe, un pub e unha xoiería do centro histórico. Son os tres locais nos que a Policía Nacional puido determinar que actuou un coñecido ladrón de Pontevedra que xa conta con numerosos antecedentes policiais por roubo.
O home, de 45 anos e vello coñecido das forzas de seguridade do Estado, foi arrestado o luns e este martes 17 de abril, tras pasar a noite no calabozo da Comisaría Provincial, pasou a disposición xudicial. O xuíz de garda decretou a súa posta en liberdade coa obrigación de volver comparecer cando sexa requirido.
Os feitos que lle atribúen nesta ocasión son, en concreto, un roubo con forza no pub e dous furtos ao descoido nunha xoiería e o establecemento de venda de obxectos de bricolaxe da estrada de Vilagarcía.
Segundo informou a Policía Nacional, o primeiro dos feitos denunciados en dependencias policiais foi o do establecemento de bricolaxe. O encargado relatou que lle subtraeran dous carros da compra, unhas brochas, cinta americana e outros obxectos relacionados coa bricolaxe.
Por mor da denuncia, os investigadores iniciaron as pescudas para tratar de pescudar os feitos e comprobaron como este individuo estaba implicado ademais nos outros feitos delituosos.
No pub da zona monumental entrou o 2 de abril tras forzar a porta de entrada e a máquina de tabaco e subtraeu uns 1.000 euros da recadación.
Ese mesmo día cometeu o furto na xoiería. Entrou na xoiería e, aproveitando un descoido, subtraeu catro reloxos. A continuación, saíu fuxindo á carreira.