O Concello de Sanxenxo afrouxa o cinto
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo convocou a Comisión de Contas para o vindeiro luns 23 de abril para tratar unha modificación de crédito e a supresión dalgunhas limitacións que estableceu o plan de axuste. Son medidas que posteriormente serán levadas a un pleno extraordinario que se celebrará o xoves 26 de abril.
Así, dos 2,3 millóns de euros de remanente de tesourería positivo do 2017, van destinar, tal e como establece a lei de estabilidade orzamentaria, 771.080 euros para a amortización de débeda e o resto, para investimentos sustentables.
O goberno quere aprobar varias modificacións no plan de axuste. A primeira ten que ver co pago das gratificacións do persoal do Concello onde se destinan 23.000 euros para a Policía Local. O 10 de xaneiro o alcalde Telmo Martín asinou unha proposta para o pago á Policía Local polo traballo realizado o pasado verán para mellorar a seguridade na movida nocturna.
A proposta do alcalde, unha vez informada polo interventor, remitiuse para a súa aprobación ao Ministerio de Facenda e Administracións Publicas que contestou favorablemente o pasado 27 de marzo. Agora levarase á Comisión de Contas e posteriormente ao pleno para a súa aprobación definitiva.
Entre as modificacións tamén se inclúe a absorción do persoal de limpeza e conserxería dos colexios, o que permitiu un aforro anual de 400.000 euros. E outras que van permitir recuperar, a partir de 2019, partidas que suman 243.000 euros que posteriormente estarán repartidos para actividades extraescolares (70.000 euros), programa de adultos (32.500 euros), programas da terceira idade (38.000 euros), transporte de adultos (3.000 euros) e festas populares (100.000 euros). Son conceptos que estaban restrinxidos polo plan de axuste.
Tamén se suprime a redución das estruturas organizativas, o que permite destinar 30.240 euros para gastos dos grupos políticos. O goberno entende que é hora de que Sanxenxo aprobe unha medida que hai tempo puxeron en marcha outros concellos galegos, especialmente aqueles cuxa xestión é complexa e require máis dedicación e medios por parte dos grupos políticos con representación na corporación.
Segundo os datos facilitados polo Concello, o actual goberno, composto por 11 concelleiros, supón un aforro de 49.000 euros anuais con respecto ao custo do cuadripartito de inicio da lexislatura e un aforro de 135.000 euros con respecto á lexislatura do ano 2012, ano no que se aprobou o plan de axuste.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
O goberno tamén propón unha modificación de crédito de 218.363 euros para o pago de gasto de avogados. 138.070 euros destínanse para o pago dos gastos da interposición do recurso de apelación do chan urbanizable N-13 de Monte Faro.
Os 80.293 euros restantes para os gastos derivados da defensa dos políticos e os técnicos que foron inicialmente imputados na pasada lexislatura e finalmente absoltos. Solicitaron o pago dos gastos de defensa unha vez que foron absoltos, xa que existe unha sentenza firme que obriga ao Concello a facerse cargo deses gastos.