Este verán mellorarase a estrada provincial entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputacion xa aprobou o convenio que deberán asinar a institución provincial e o Concello para facer realidade a obra de mellora da estrada provincial EP-9305 entre Ribadumia e Coirón.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que as arcas provinciais aportarán 157.561,761 euros (70%) e o goberno local 67.526,469 euros (30%).
A actuación mellora medio quilómetro da estrada provincial que conecta o núcleo urbano de Ribadumia e diferentes elementos de gran relevancia na vila, entre os que destaca o comezo da ruta da Pedra e da Auga para potenciar a mobilidade peonil e a seguridade viaria na zona a través da construción de novas beirarrúas de 2,5 metros e zonas reservadas a peóns pola marxe esquerda, así como da instalación de elementos de calmado de tráfico que limitarán a velocidade a 30 quilómetros hora.
A maiores, melloraranse servizos urbanos como o traslado do alumeado público existente e da marquesiña de bus existente á nova aliñación, así como a execución dunha nova rede de pluviais e dunha rede de fecais separativa.
Unha vez aprobado o convenio pola Deputación e tamén polo Concello, o convenio asinarase publicamente e a institución provincial procederá á súa licitación, polo que se os trámites administrativos van segundo o previsto, as obras poderían iniciarse no verán ou primeiros do outono.