Pillan un marinense co carné retirado conducindo cara aos xulgados da Parda para declarar por un delito contra a seguridade viaria
Por Redacción
Un veciño de Marín, M. M. R., de 49 anos de idade, está acusado de cometer dous delitos contra a seguridade viaria nunha investigación penal da Garda Civil por conducir de forma neglixente e temeraria, tendo retirado o permiso de circulación.
En decembro de 2016 retirábaselle o carné de conducir ao perder totalmente os puntos. Desde entón investigáronselle penalmente noutras cinco ocasións ao ser detectado ao volante dun vehículo.
O mércores 25, ás 9.30 horas, os efectivos da Patrulla Rural de Compañía da Garda Civil de Pontevedra detectaron ao condutor pilotando o seu vehículo á altura da rotonda de Ence, na estrada PO-11. O condutor ao percibir a presenza da patrulla desviou a súa traxectoria de forma violenta na rotonda para acceder á estrada entre Lourizán e Ardán para tratar de escaparse dos axentes da Garda Civil que iniciaran a persecución.
Segundo relata a Garda Civil, a condución temeraria do veciño, poñendo en perigo a integridade física dos demais usuarios da vía e a súa, provocou que a patrulla desistise de darlle alcance, unha vez que xa fora identificado e comprobásense os motivos que causaran a fuga. O condutor na súa escapada non fixo caso dos sinais luminosos e acústicas do coche da Garda Civil.
O veciño de Marín, con todo, dirixiuse ata os zulgados da Parda porque ás 10.00 horas estaba citado no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra por un delito contra a seguridade viaria.
No momento en que concluíu a súa vista oral foi abordado polos axentes da Garda Civil en sede xudicial para notificarlle que estaba a ser investigado por dous novos delitos contra a seguridade viaria, nesta ocasión por conducir de forma neglixente e temeraria co permiso retirado por perda total dos puntos.