Ángel Bonet e Vladislav Shvets, gañadores do Incuvi-Emprende 2018

Por Sara López Lago

© Universidade de Vigo

© Universidade de Vigo
Anxo Bonet e Vladislav Shvets son os gañadores da sétima edición dos premios Incuvi-Emprende, unha iniciativa da Universidade de Vigo coa intención de fomentar o emprendemento empresarial entre os estudantes do campus, que este ano premiou once proxectos.
Como expresa Eduardo Muñiz no Duvi, o diario dixital da universidade, os premiados recibiron esta mañá as chaves do seu despacho na sede de AJE-Pontevedra da man de Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus, e de Pablo Fernández, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios.
Alí levarán a cabo o desenvolvemento dos proxectos que lles permitiron levar o premio, recibindo o asesoramento de profesionais que lles irán guiando durante o proceso.
O proxecto de Ángel, estudante de Publicidade e Relacións Públicas, é Lira Tenue. Consiste no desenvolvemento dunha marca de panos e fulares para home e muller, co deseño como principal elemento diferenciador, buscando un termo medio entre o "low cost" e o produto de luxo.
Como deseñador gráfico, afirma que busca afastar a súa marca desa moda de baixo custe con "deseños moi xenéricos e acabados menos coidados" ofrecendo "algo que te diferencie", pero tamén dos produtos dirixidos só a un público cun alto poder adquisitivo. No seu proxecto pensa contar cun equipo multidisciplinar de colaboradores, tanto do mundo da ilustración como do deseño.
A iniciativa de Vladislav é unha aplicación, ByGymApp. Destinada a crear unha comunidade deportiva entre os usuarios de ximnasios, nela poderán compartir opinións, material, así como asistir a varios ximnasios á vez a través da plataforma, grazas á firma de convenios cos establecementos. Nun principio a súa idea está circunscrita ao territorio galego, pero espera que poida ampliarse, aínda que para iso "aínda queda moito traballo por diante".
Estes proxectos que mesturan moda, deseño, novas tecnoloxías e deporte, como destacou Corbacho, "dan mostra da variedade de proxectos que poden xurdir no campus".